Os Premios da Música Martín Códax galardoan o Festigal pola súa traxectoria e contribución á difusión da produción cultural galega
A comisión do Festigal aproveitou esta distición para transmitir o agradecemento ao traballo voluntario de centos de persoas que colaboran na súa organización
O Festigal resultou ser o gañador dos premios Martín Códax da Música nunha gala organizada pola Asociación de Músicos ao Vivo que se celebrou no pazo da Cultura de Pontevedra. Así, o Festigal foi galardoado pola súa consolidación como un dos eventos do calendario musical do verán en Galiza e polo seu ton reivindicativo e rebelde, que contribuíu a proxectar novos talentos e a difundir artistas de calidade recoñecida, nun formato que conxuga música, lecer, letras e ideas.
A comisión organizadora do Festigal aproveitou esta distición para transmitir o agradecemento ao traballo voluntario de centos de persoas que colaboran para facer posíbel un evento destas características que congrega milleiros de persoas arredor da celebración do Día da Patria en Santiago de Compostela e anunciou tamén que xa está en marcha para artellar a edición de 2015.
A programación do Festigal, organizado pola Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova, esténdese durante 48 horas en Santiago de Compostela, cada 24 e 25 de xullo, e combina as actuacións musicais con actividades literarias, debates, exposicións e proxeccións audiovisuais co nacionalismo como fío condutor. Leva máis de 10 anos cunha aposta pola cultura galega, polas propostas musicais feitas en Galiza, nun marco de traballo consolidado e sostíbel e con ansia por continuar a ser un escaparate de referencia para a proxección e o intercambio artístico de calidade, como acreditan os milleiros de persoas que atrae en cada edición.
Polo seu escenario pasaron Berrogüetto, Susana Seivane, A Cada Canto, Sés, Dios ke te Crew, Nao, Lamatumbá, Loretta Martin, Os Cuchufellos, Festicultores e artistas internacionais como Pablo Milanés, Deolinda, Kepa Junkera, Gaiteiros de Lisboa ou La Phaze, entre outros.
Os premios Martín Códax recoñeceron deste xeito a súa contribución á creación, á diversidade e á calidade artística das producións musicais galegas co fin de revelar novos talentos e de achegar a música e o seu proceso de produción ao público.