Pablo Díaz: “Coa música queremos dar unha imaxe lúdica e divertida do idioma galego”

Pablo Díaz leva desde o 2009 enchendo escenarios en Galiza para os máis pequenos e pequenas. O primeiro traballo deste músico coruñés, TIC TAC, acadou un grande éxito no país, foi premiado en 2011 co “Anisia Miranda á creatividade infantil” e abriu o camiño para os seus seguintes proxectos. O seu último espectáculo “TIC TAC, 10 anos soando o reloxo” xunto coa Banda Escola de Música de Visantoña volverá este ano ao Festigal.

Que significa para vós tocar neste evento?

Tocar no Festigal sempre é unha oportunidade moi grande para ter visibilidade no mundo da música. Nós xa tocaramos anteriormente coa pequena banda que teño pero nesta ocasión, rodeado de toda a Banda de Música de Visantoña, unha das máis antigas de Galiza, vai ser moito máis especial.

O público infantil é moi diferente do adulto, como o levades?

Despois de levar moitos anos facendo música para adultos con grupos folk e tradicional, comezar a facer música infantil no 2009 foi unha experiencia moi gratificante. É un mundo moi distinto pero tamén moi divertido. Aínda que non tocamos só para nenos e nenas, tocamos para un público familiar, que lle dá outra importancia a este tipo de música.

A túa música serve tamén para promocionar o emprego do galego?

Un dos motivos polos que comecei a facer música infantil e en galego é pola problemática que temos coa lingua no rural, nas vilas e nas cidades. Tamén é importante que o profesorado poida utilizar todo este material no noso idioma para traballalo nas aulas, que creo que é importantísimo para a supervivencia do idioma. Queremos dar unha imaxe lúdica e divertida do idioma, non só académica e regrada, que é do que quero fuxir aínda que logo se empregue nos colexios.

Cres que se valora a música infantil?

Agora mesmo si, penso que se está valorando moito máis. Sobre todo porque se está a aportar desde diferentes estilos musicais, distintos artistas e produtos de calidade. Penso que estamos nun bo momento e que se pode mellorar. O problema é que non hai apoio institucional e poderíase traballar de cara a televisión ou outros medios facendo un aporte audiovisual para os nenos e nenas deste país. O importante é que vexan a nosa lingua como algo que se pode vivir, desfrutar e como un idioma no que comunicarse.

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: