Ses, Rebeliom do Inframundo, The Lelli Kelly’s e DJ Bambooh farán rimar liberdade con solidariedade no Festigal 2018

Ses

O Festigal 2018 fará rimar liberdade con solidariedade nas voces de Ses, Rebeliom do Inframundo, DJ Bambooh e The Lelli Kelly’s o martes 24 de xullo a partir das 22:30 no campus sur de Santiago de Compostela, na véspera do Día da Patria.

Esta festa nacionalista naceu para erguer a bandeira da defensa da liberdade e da diversidade desde unha perspectiva propia de creación artística e, nesta edición, incidirá na involución de dereitos democráticos que impón o Estado español con censura e persecución de manifestacións culturais e políticas. O cartaz mantén dunha maneira simbólica o nome do rapeiro balear Valtònyc, que anunciou o seu exilio para evitar a condena a cárcere imposta polas letras que canta.

Deste xeito, na noite do 24 de xullo abrirá DJ Bambooh (22:30 h.); seguirá The Lelli Kelly’s (23:30 h.), o grupo gañador do concurso “Novos Valores” con toques rockeiros; logo actuarán Ses & Banda (00:20 h.), co seu novo disco “Readmirando a condición”; e o grupo de rap galego Rebeliom do Inframundo (2:30 h.), que chegarán desde Ponteareas para pór a moverse a todo o Festigal coas súas letras cheas de crítica política.

A Comisión Festigal, Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre traballan durante todo o ano para ofrecer un festival de calidade, participativo e igualitario. O Festigal demostra, un ano máis, o compromiso co coidado do medio ambiente mediante o uso de vasos de material reciclado e reutilizábel, ademais de dispor dun punto de atención sanitaria e puntos de alerta feminista contra acoso e violencia de xénero. Trátase dun espazo de convivio e cultura que goza dun gran recoñecemento e debe ser tamén reflexo da tolerancia cero co machismo e a LGBTIfobia. Por iso é imprescindíbel reclamar que nesta “festa da liberdade” hai espazo para todas as persoas, sexa cal sexa a súa orixe, xénero ou identidade sexual.

No 25 de xullo, no café concerto haberá unha representación de L’Estaca, de Lluís Llach, e actuarán Os Viqueiras de Ordes e Cabezudos (17:00 h.) Sonia Lebedynski (19:00 h.) A Banda da Balbina (21:00 h.). Contarase cunha galería de Ideas, galería de Letras, espazo para asociacións, tendas de artesanía, espazo infantil, espazo gastronómico e zona de acampada.

Nesta edición do Festigal cóntase coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, Concello de Pontevedra, Deputación da Coruña, Deputación de Pontevedra e Universidade de Santiago de Compostela, entre outras entidades e organismos, ademais da axuda voluntaria de máis de 200 persoas que fan posíbel este evento cultural dos máis importantes de Galiza.

Tamén che pode interesar...