Tanxugueiras: “O noso traballo é o de todas as mullleres que mantiveron viva a nosa tradición”

Tanxugueiras. Foto: Rocio Cibes

Con elas chega ao Festigal a (r)evolución da música tradicional galega. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.

Que pode agardar o público que vos vai ver ao Festigal?
Os concertos da Xira Midas son uns espectáculos moi potentes, ateigados de tradición, forza, empoderamento. Tres pandeireteiras enriba dun escenario,.

Que significa para vós participar neste evento?
Estamos moi ilusionadas por tocar na nosa cidade de acollida e no Festigal, un evento no que xa estivemos de público. Vai ser como estar na casa!

Como vos sentides agora que sodes un referente cultural para as novas xeracións?
É un orgullo e unha responsabilidade. Para nós a máxima ilusión do que estamos a vivir é ver a todas as nenas nos concertos, coa pandeireta, orgullosas da súa música, da súa lingua, da súa tradición. Pero se nós estamos aquí e porque tamén vivimos o que están a vivir esas nenas: nós tamén flipabamos –e a día de hoxe tamén!- con Mercedes Peón, con Leilía, con Berrogüeto… É certo que agora o foco está sobre o noso traballo, pero isto é un traballo de moitas xeracións, de todas as mullleres que mantiveron viva a nosa tradición, e de quen coma nós está a traballar nesta liña desde outros estilos. Pensamos en Baiuca, en LaMontagne & PicoAmperio, en moitas outras… As nenas que veñen aos nosos concertos, que cantan nas escolas as cancións, son quen vai manter viva a nosa tradición.

Logo de presentar Diluvio cales son os vosos plans?
Lanzamos o disco o 29 de xullo, pero estamos como sabedes en plena Xira Midas de presentación… entre marzo e novembro temos uns 80 concertos. O plan é o de sempre: traballar arreo para poder levar a música galega, en galego, a todos os recunchos posibles.

Un soño para o futuro da fusión tradicional galega?
Que agrome de todas as formas e estilos posibles, sempre desde o respecto e o amor pola nosa terra, polas nosas raíces, polas nosas mulleres, pola nosa identidade. Benvidas sexan todas as fusións que manteñan viva a nosa música!

 

Tamén che pode interesar...