Todo a punto para o concerto das Tanxugueiras, Banda da Loba e Familia Caamagno no Festigal 2022
O Festigal quere celebrar o 20 aniversario deste evento organizado arredor do Día da Patria Galega cun convite a participar nun gran concerto coas Tanxugueiras, Banda da Loba, Familia Caamagno e Bratzantifa, que actuarán na noite do 24 de xullo no campus sur de Santiago de Compostela. Ademais, o 25 de xullo haberá unha feira da cultura galega e subirán ao escenario Alberto Mvundi, Os John Deeres, Berto e DJ Ferromona, ademais de Pablo Díaz co espectáculo “Tic-Tac” e Títeres Cachirulo no espazo infantil.
O Festigal converteuse nunha gran feira da cultura galega, de entrada libre, que dá a coñecer novas expresións artísticas e creativas para construír conciencia de país. Unha feira de asociacións, postos de artesanía, zona de acampada, oferta gastronómica, librarías, galería das ideas e obradoiros infantís completan a ampla programación que atrae milleiros de persoas a este grande evento. Organizado pola Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova, conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, Universidade de Santiago e Estrella Galicia.
Actuacións do 24 de xullo
Na noite do 24 de xullo actuarán as Tanxugueiras, unha das propostas máis innovadoras, auténticas e sorprendentes do país. Elas son Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionada con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, empoderamento, contundencia e virtuosismo vocal son os expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.
A banda da Loba é unha das formacións máis consolidadas do panorama musical galego actual. Coa poesía e coa lingua por bandeiras, ofrece composicións propias e inspiradas en poemarios clásicos e contemporáneos, en que tratan temas como a diversidade, a identidade, a memoria e o feminismo. Está formada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Inés Mirás (guitarra), Marcela Porto (percusión) e Xiana Lastra (voz). Música comprometida cun selo persoal e característico que fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical.
Familia Caamagno son Manuele (voz e saxofón), Jess (guitarra de punteo), Francesco (guitarra de ritmo e coros), Lano (guitarra baixa) e Toni (batería e coros). Integran unha banda fundada en 2011 cun contundente directo que mestura pop, rock & roll e garaxe con letras acedas. Percorreron numerosos escenarios coa discografía ‘Familia Caamagno’, ‘Hai que andar cos tempos’, ‘Para unha vez que saímos’ e ‘Había que intentalo’, ademais de seren vencedores no V Concurso Rock da Deputación da Coruña e de ofreceren o mellor directo do ano 2020 do programa “Ondas Indies” da Radio Galega.
O xurado do VI Concurso Novos Valores 2022 elixiu como banda gañadora o dúo Bratzantifa, conformado por Marina González e Lucía Amado, que serán as encargadas de abrir a edición do Festigal 2022 na noite do 24 de xullo. Fan música urbana e bedroom pop, estilo que mesturan con letras punk, conservando a súa vulnerabilidade.
Feira do 25 de xullo
Na Galería das Letras e do Audiovisual presentaranse os libros “Teño dereitos”, “A obra de Manuel María para públicos novos”, “O libro negro da lingua galega”, “Porque caiu a Galiza?”, “Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza. A segunda metade do século XIV” e “A nación dos mil viños”; ademais dos audiovisuais “Setembro do 82: o nacemento da unidade nacionalista” e “A Semente de 1972”.
Na Galería das Ideas, un dos debates será sobre “Extrema Dereita e Democracia”, con Idoia Arreaza, politóloga pola Universitat de València especializada no avance do fascismo no sur de Europa; Ángeles Diez, doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía; e Joana Mortágua, do Secretariado Nacional do Bloco de Esquerda e deputada da Asemblea da República Portuguesa; estará moderado por Xosé Lois Rivera, responsábel de relacións internacionais da CIG. O seguinte debate titúlase “Cara unha Europa dos pobos” e contará con Ana Miranda, responsábel de Relacións internacionais do BNG e portavoz no Parlamento europeo; Stephen Gethins, do Scottish National Party; e Mertxe Aizpurua, deputada de EH-Bildu.
No espazo infantil, está previsto un obradoiro de Enredos sonoros, en colaboración coa Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, un obradoiro de baile, en colaboración coa Asociación de Gaiteir@s Galeg@s; o Cachimóbil de Títeres Cachirulo, ademais de Pablo Díaz e a Banda de Visantoña, co espectáculo “Tic Tac”.
Isto compleméntase coa zona de venda de artesanía e espazo de asociacións, en que se dan a coñecer as actividades do tecido social e manufactureiro máis representativas do país.