Tomé Mouriño (De Ninghures): “Tocar no Festigal é verbalizar o imaxinado”

De Ninghures é o gañador da V edición do Concurso Novos Valores que organiza a comisión Festigal. Defínense como unha agrupación de música tradicional conformada por xente nova comprometida coa música, baile e lingua galega. Comezaron hai pouco máis dun ano co obxectivo de participar en foliadas e gozar da música. O acordeonista Tomé Mouriño Covelo (Santiago de Compostela, 1997) explica nesta entrevista que o Festigal “alza e dá voz a moita xente e impulsa, do mesmo xeito, a creación doutra ao ver abrir camiño”. “Tocar no Festigal é verbalizar o imaxinado”, engade.

Que presentaredes no Festigal?
No Festigal imos presentar o espectáculo arranxado deste ano, onde facemos un percorrido por algunhas das pezas que máis nos atraeron. Ben dende a nosa experiencia musical máis ligada á tradición como tamén dende as investigacións e creacións que levamos a cabo como parte fundamental do proxecto.

Que significa para vós tocar neste evento?
Tocar neste evento considerámolo un xeito de verbalizar o imaxinado. Aínda pensei isto mesmo o outro día e cando o comentei con xente do grupo os sorrisos saían sen dificultade. Lembramos estar en espazos con tanto vigor coma pode ser o Festigal vendo e participando como espectadores e coas miradas mostrarnos o que tiñamos en mente, ser quen de poder transmitir todo o que tiñamos dentro como o estaban a facer neses espazos, chegar a verbalizalo.

Que queredes transmitirlle ao público cando estades no escenario?
A riqueza da nosa cultura: as muiñeiras, os tangos, as xotas e rumbas de fermosas melodías e coplas representativas dunha identidade. Todo dende o noso xeito de contar: as nosas voces, melodías e harmonías levando, mesturado co noso xeito de estar no escenario, a un ambiente festivo e achegado.

Como valorades o actual panorama musical galego?
Representativo de ideas e pensamentos conxuntos. Coido que o panorama é un xeito de observar e analizar o global e pódese ver, dende o noso punto de vista, a forza que contemos: rico en propostas, forte en ideas e en valores e con inquedanzas comúns.

Que mudariades na política cultural para apoiar a creación e difusión artística en galego?
Non se pode resumir esta pregunta en poucas palabras mais, como unha das máximas de cambio, pensamos que son ben importantes propostas como a do Festigal. Datas sinaladas con moito valor e sentimento social que priman creacións na nosa lingua, un feito que alza e dá voz a moita xente e impulsa, do mesmo xeito, a creación doutra ao ver abrir camiño.

Un soño para a vosa banda?
Segue a ser o mesmo que ao comezo. Ansias de facer sentir o que a nós nos encheu xa dende hai ben tempo, a sinceridade e transparencia da música ou o forte da súa transmisión en sentimentos.

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: