Xa en marcha a Comisión do Festigal que celebrará o seu 20 aniversario en 2022

Comisión do Festigal

Trátase dunha das feiras culturais de referencia en Galiza con concertos, asociacións, espazo infantil, gastronomía e zona de acampada

A Comisión do Festigal mantivo a primeira reunión para preparar a programación de 2022, unha edición cunha organización especial, pois será o 20 aniversario deste evento enmarcado na celebración do Día da Patria Galega.

Logo de ser adiado por mor da pandemia da covid-19 nas dúas últimas edicións, en 2022 o Festigal seguirá fiel ao seu espírito de seguranza, diversidade e liberdade, como un referente da cultura en que converxen traxectorias e dinámicas feitas no país, ao reivindicar a identidade galega e servir de intercambio de tendencias artísticas doutros pobos.

Ademais de botar a andar o concurso “Novos Valores”, dirixido a bandas emerxentes, polo seu escenario desde 2002 pasaron artistas como Guadi Galego, Pablo Milanés, Sés, Nao, Banda Bassotti, Kepa Junkera, Leilía, Ruxe-Ruxe, Berrogüetto ou Festicultores, entre as ducias de bandas que participaron para público moi diverso.

O Festigal dispón tamén dunha Galería das Ideas, dunha Galería das Letras onde se presentan novidades literarias e dun espazo que acolle máis de 30 de postos de asociacións que dan boa conta da actividade dos movementos en defensa do idioma, das liberdades sociais, culturais, ecoloxistas, internacionalistas, feministas, estudantís, educativas e deportivas. Isto súmase á zona de deportes tradicionais, espazo infantil, café-concerto, zona de acampada e arredor de 50 postos do mercado onde se pode adquirir artesanía, téxtil, produtos gastronómicos e arte en pequeno formato.

Trátase dunha das feiras culturais de referencia en Galiza onde o voluntariado e o esforzo comunitario son pezas fundamentais da organización, que está integrada por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, e dun lugar de encontro para as persoas que visitan cada ano este evento entre o 24 e 25 de xullo en Compostela para gozar da música e das expresións artísticas en lingua galega.

Tamén che pode interesar...