Xaneco: “Este obradoiro permite ensinar a facer instrumentos, cantar e bailar no noso idioma e na nosa música”

Xaneco

Xoán Manuel Tubío é un luthier autodidacta que leva en contacto coa música tradicional desde os anos oitenta. Fillo de carpinteiro, estivo desde pequeno aprendendo o oficio de artesán e, hoxe, como Xaneco, trata ademais de difundir a cultura galega e tradicional promovendo a súa normalización. No seu obradoiro fabrica instrumentos de percusión tradicionais e zanfonas. Xaneco é presidente da AGG e conta nesta entrevista a función dos obradoiros que se van ofrecer no Festigal dirixidos aos máis pequenos e pequenas.

En que consiste o obradoiro que levas ao Festigal?

Trátase de facer xoguetes sonoros recollidos da tradición popular galega para que os nenos e as nenas os constrúan coas súas mans a partir de noces, abelás ou canas. Trátase de xoguetes sonoros que os avós lles facían aos cativos no rural galego e que, afortunadamente, chegaron vivos aos días de hoxe a través da tradición oral. Como artesáns, neste ciclo de obradoiros poñemos as ferramentas para que a rapazada do século XXI siga asombrándose con estes xogos e a cadea de transmisión non se rompa.

Que significa para ti participar neste evento?

É sempre gratificante, pois a gran vitalidade da nosa cultura vén da oralidade. Supón poder seguir transmitindo esa sabedoría e eses faceres aos nenos e nenas nun espazo infantil tan marabilloso como o do Festigal. Permite ensinar non só a facer estes instrumentos, senón cantar e bailar no noso idioma e na nosa música. É fenomenal que as nenas e nenos estean en contacto con todo o que somos.

Consideras que hai un rexurdir da música tradicional?

Hai un momento de gran visibilidade. Visualízase o traballo que se leva facendo nestes anos de democracia na música tradicional. Desde os anos oitenta iníciase todo nas asociacións culturais do país, cun rexurdir impresionante para poñer en contacto os vellos músicos con rapazada nova. Hoxe vese o froito do traballo de músicos, artesáns e asociacións de parroquias e barrios. E ese traballo, por sorte, continúa moi vizoso e con moita xente nova incorporándose.

Que faría falta para promocionala e espallala?

É fundamental seguir nesta liña de visibilidade e que se teña en conta non só o lado profesional da música. O tecido asociativo e a parte máis lúdica da música tradicional son os que hoxe en día manteñen a oralidade da música. Boto en falta plans estratéxicos desde as administracións para, sen inxerir de xeito ideolóxico, dotar de ferramentas e recursos ese tecido asociativo. Até agora este sostívose só polo traballo do pobo, pero fenómenos como o da pandemia aumentaron as dificultades e as diferentes administracións deberan ter en conta a importancia do ensino musical. En todas as escolas de música debería haber un apartado para o tradicional.

 

 

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: