Concerto 24 de xullo, a partir das 21,45 h.

Tanxugueiras

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.
O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que xa as fixo triunfar en escenarios de varios países.

A Banda da Loba

Son Andrea, Estela, Inés, Marcela e Xiana. Crearon o grupo no 2017 e en poucos anos xa se converteron nun dos grupos referentes da música galega. «Bailando as rúas», «Fábrica de luz» e «Hasme oír» son os tres traballos discográficos que teñen publicados. No Festigal presentarán “Xabón Lagarta”, inspirado no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade, confidencias e insubmisión que eran os lavadoiros.

Familia Caamagno

Os Caamagno son Manuele, Jess, Francesco, Lano e Toni e no Festigal presentarán o seu novo traballo discográfico. A nivel formal os novos temas manteñen o son inconfundible da banda xunto a unha tendencia por atopar un son máis contemporáneo e máis pop, sen perder por iso a contundencia ou intencionalidade que os caracteriza. A maiores do seu novo traballo presentarán unha nova liña visual como ven sendo habitual na banda composta por novo vestiario, iluminación e deseño gráfico.

Bratzantifa

Braztantifa nace no confinamento de 2020 da man de Marina e Lucía, ao crear música na cociña das súas casas e entre conversas coas amizades. Fan música urbanas e bedroom pop, estilo que mesturan con letras punk, conservando a súa vulnerabilidade. Elas mesmas defínense como unhas hooligans do brandiño e da tenrura radical. Son as gañadoras da VI edición do Concurso Novos valores que organiza a Comisión Festigal.

A %d blogueros les gusta esto: