Marina González e Lucía Amado, de Bratzantifa: “Sabemos que non é fácil facer música desde as marxes”

Bratzantifa

Bratzantifa está formado por Marina González e Lucía Amado e é o grupo gañador do VI concurso Novos Valores do Festigal. Durante o confinamento e cos seus móbiles como ferramentas decidiron lanzar este proxecto no que se definen como “hooligans do blandito”. Cun discurso sobre a precariedade das relacións líquidas e a precariedade nos traballos tratan agora de asentarse como novas referentes na música urbana galega onde botaban en falta maior representación das experiencias das mulleres novas.

Que pode agardar o público que vos vaia ver ao Festigal?

Poden agardar unha sonoridade que está nunha esfera próxima ao bedroom pop cunha metodoloxía absolutamente punk. Nos concertos falamos moito co público e gústanos moito interactuar. Cremos que vernos en directo é dende logo unha experiencia. Definiriamos o noso espectáculo como noventa por cento de confianza e dez por cento de auto-tune.

Que significa para vós participar neste evento?

Supón dar un salto ao que son os eventos máis profesionais. Até agora demos bolos como o .WAV showcase ou nas festas de Conxo e do Cineclube de Compostela. Eran eventos que atrae menos xente da que atrae o Festigal, polo que poder compartir escenario con bandas como as Tanxugueiras é un soño e unha grande oportunidade incrible de profesionalizar o proxecto. Que ademais presente mulleres como cabezas de cartel é moi importante para nós.

Como definides ser “hooligans do brandiño” e da tenrura?

Defender a toda costa a tenrura. Moitas veces parece que o punk vai asociado a determinadas estéticas pero, para moita xente e para nós, o máis punk que hai é coidar das túas amigas e amosarse vulnerables. Dicimos que as conversas importantes sempre as temos na cociña, onde se creou Bratzantifa, falando de temas como a precariedade que sufrimos nas relacións afectivas como mulleres novas ou a precariedade laboral e como nos fai sentir. Cremos que atopar un espazo de vulnerabilidade coas amigas e coas compañeiras no que poder abrazarse é o máis punk que hai e defendemos iso a morte.

Animariades a outras artistas a arriscar e lanzar os seus proxectos?

Por suposto. Sempre dentro do posible, pois somos conscientes do complicado que é con horarios de traballo que non deixan nin respirar e diversas precariedades. Nós por exemplo estamos cada unha nunha punta da península e puidemos comezar porque viviamos na mesma cidade e traballabamos menos mentres o sector cara o público estivo pechado. Pero dentro deses medios animamos a todas as artistas a que collan un móbil e comecen a gravar cancións porque se nos podemos facelo, é porque todo o mundo pode. É divertido e engancha.

Un soño para o futuro da música urbana galega?

Ver máis identidades diversas e disidentes nela. Hai referentes moi importantes pero cando comezamos vimos que a grande maioría son homes cis e botamos en falta referentes femininos. Estaba Sleepy Spice, unha compañeira de escena marabillosa, ou soubemos de Porkas Crew, pero son poucas as referentes. Moitas veces parece que para atopar mulleres que fagan música urbana tes que rascar nas profundidades de internet. Sabemos que non é fácil facer música desde as marxes pero botamos en falta outro discursos. Pero estamos desexando tecer redes con proxectos similares e consideramos que os festis teñen moito que percorrer neste sentido da paridade e diversidade.

Tamén che pode interesar...