Ses, Rebeliom do Inframundo, The Lelli Kelly’s, Dj Bambooh, Valtònic, Os Viqueiras e Sonia Lebedynski no cartaz do Festigal 2018
O Festigal 2018 será unha festa da liberdade protagonizada por artistas e bandas como Ses, Rebeliom do Inframundo, DJ Bambooh, The Lelli Kelly’s, Os Viqueiras de Ordes, Sonia Lebedynski e Paco Nogueiras; ademais de Valtònyc que figura no cartel.
“O Festigal vai camiño dos 20 anos de historia e desde o comezo fixemos sempre bandeira da defensa da liberdade e da diversidade desde unha perspectiva propia, a galega, non subordinada a ningunha outra cultura e poñendo en valor todas as expresións artísticas e de creación”, explicou Lucía López Sobrado.
Esta edición ten unha “carga extra” de reivindicación, “pois urxe defender sen medias tintas a liberdade de expresión como rexeitamento á involución democrática no Estado español que tamén se materializa aquí, na nosa nación, Galiza, e que se traduciu nos últimos tempos no secuestro de libros, na existencia de pres@s polític@s no Estado español, na censura e na persecución de todo tipo de manifestacións artísticas e políticas que son incómodas para o sistema”, engadiu.
O cartaz mantén dunha maneira simbólica o nome do rapeiro balear Valtònyc, que anunciou o seu exilio para evitar a condena a cárcere imposta polas letras que canta. “No Estado español, igual que xa aconteceu a comezos de 1980 co galego Suso Vaamonde, a liberdade de expresión está en risco, igual que a liberdade de creación e a liberdade artística”, indicou Lucía López Sobrado.
Na noite do 24 de xullo actuarán Ses, co seu novo disco “Readmirando a condición”; o grupo de rap galego Rebeliom do Inframundo, que chegarán desde Ponteareas ata Compostela para pór a moverse a todo o Festigal coas súas letras cargadas de crítica política; DJ Bambooh, un mozo catalán; e The Lelli Kelly’s, o grupo gañador do concurso “Novos Valores” coas reminiscencias no rock dos anos 50, 60 e 70, letras orixinais e cunha posta en escena que convidan a non parar de bailar.
A festa continúa o 25 de xullo, Día da Patria Galega, onde o nacionalismo reclama o dereito de Galiza a existir como nación soberana en todos os planos: político, económico, lingüístico e cultural. Ademais este ano o 25 de xullo ten unha carga simbólica “moi especial”, pois é o 50 aniversario daquela celebración do Día da Patria Galega no ano 1968, aínda en plena loita contra o franquismo.
Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre, agradeceu a colaboración de Carmen Rey no deseño do cartaz deste ano “que conxuga moi ben a idea do feminino, da sororidade, da irmandade e da liberdade para ser, existir e crear desde a tradición, sen perder a memoria que nos facilite ollar para atrás e coller forzas para o futuro co orgullo da nosa identidade”.
Como continuidade ao 24 de xullo, o día 25 no Café concerto actuarán a formación “Os Viqueiras de Ordes” que farán un espectáculo de música tradicional con cabezudos. Son herdeiros dunha fonda tradición musical de mans do afamado Manuel Viqueira, gaiteiro de Vilaverde (Ordes), referentes da música tradicional no noso país.
Seguirá Sonia Lebedynski e a súa banda que por primeira vez soará no Festigal, para presentar o seu disco en solitario “Deserto de Centos”. Este traballo marca un punto de inflexión na súa carreira con novas sonoridades onde o funk ou o pop conviven con músicas de corte máis tradicional e folk. O seu directo é intenso onde se conxuga a beleza do íntimo con temas de gran intensidade musical e discursiva. Para pechar o café concerto deste ano estará a Banda da Balbina, coa presenza de Silvia Cerneira para gozar de ritmos festeiros e da retranca propia do país.
No espazo infantil estará a estrela da música infantil neste país, Paco Nogueiras, con Radio Bule Bule, así como o espectáculo de maxia de Dani García, Don Gelati e obradoiros infantís en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos e de Viravolta Títeres.
No espazo das letras presentaranse novidades editoriais como Bonus Track, de Rosalía Fernández, editado por Galaxia, Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Carlos Babío e Manuel Pérez, editado por Galiza Sempre; Invisibles. Relatos do maltrato, de Montse Fajardo, entre outras.
Na galería das ideas haberá debates e iniciativas como a presentación da Plataforma Vía Galega, do Diario Galego ou a Mesa de debate “Dereito a decidir dos pobos de Europa. Democracia e xustiza social”.
Pola súa parte, Claudia Quintela, indicou que o Festigal “faise co traballo voluntario e o seu éxito débese totalmente ao esforzo de mozos e mozas que se suman a participar desde o BNG e Galiza Nova”. Esta entidade celebra este 24 de xullo de 2018 os 30 anos da súa asemblea constituínte e para esta conmemoración haberá un espazo propio no Festigal.
Complétase isto coa oferta gastronómica no espazo de xantar, feira de colectivos e asociacións, espazo para artesanía e para tendas. Claudia Quintela lembrou tamén que hai espazo de acampada, para o que é necesario inscribirse na web do Festigal, e fixo un chamamento á mocidade “para que acuda este 24 e 25 de xullo a Compostela, á festa da liberdade que é o Festigal, para se sumar a estes 30 anos de rebeldía”.