Manuele Caamagno: “Aproximarse á música desde a retranca é unha das nosas máximas”

Familia Caamagno

Familia Caamagno é unha banda de pop e rock’n’roll fundada en 2011 por cinco
rapaces de Sigüeiro. Cos seus traballos discográficos colleitaron numerosos premios e co seu bo humor impactante espallan a ledicia de escoitalos nos escenarios de todo o país. Atención, porque coa súa chegada ao Festigal non deixarán ninguén indiferente!

Que ides presentar no Festigal?

No Festigal estaremos presentando os tres novos sinxelos que lanzamos durante este 2022, véxase “Xuntos”, “Samurai” e “Romper Espagna”.

No concerto faremos unha selección das nosas cancións para que sexa un directo divertido e bailábel. Temos pensadas algunhas sorpresas que, no caso de materializarse, poden ser épicas.

Que significa para vós participar neste evento?

A verdade é que nos fai moita ilusión actuar no Festigal! Vignemos moitas veces desde que eramos moi cativos, vimos a moitos amigos e grupos que admiramos coma Dios Ke te Crew ou os Homens. Estar este ano pechando o Festigal é para nós unha honra.

Como xurdiu a idea do videoclip Xuntos, que se fixo viral nas redes sociais?

Convidáronnos a participar nunha compilación, impulsada por Deleite, de bandas galegas actuais  que fan re interpretacións de clásicos pop da música galega.

Pensamos en facer unha versión do “Xuntos” de Juan Pardo, himno oficioso do Partido Popular, pero dándolle a volta ao asunto e converténdoo no Himno da República Socialista de Sigüeiro. Sen a equipa de fútbol sala “Unión Soviética de Sigüeiro”, onde xogou algún dos Caamagno, e sen a axuda do seu ideólogo Perico Balado, tería sido imposible facer o vídeo clip.

Desde un primeiro momento, a idea de coller un símbolo asociado coa dereita, expropialo e re significalo pareceunos unha auténtica fantasía.

Cal é a inspiración para reinventarvos con esas letras de humor con visión de país?

O principal é non tomarse a un mesmo tan en serio nin crerse tan imprescindible. Aproximarse á música desde a retranca e o sentido do humor é unha das nosas máximas, xa que antes ca outra cousa, preferimos rir e pasalo ben. É outra maneira de aportar, ten menos gravidade e nun primeiro momento parece que certos temas non se poden tratar desde unha óptica humorística… bom nos sómosche moi fans dos Monty Phyton… e de Farruco.

Así é todo tampouco estamos sempre de carallada e temos letras moi sentidas. Ás veces nos directos, se te fixas podes ver como nos escorregan as bágoas polas meixelas.

Un soño para o futuro da música en galego?

Invadir Asturias e pogner unha das Tanxugueiras de Vicerraíña.

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: