Retranca, desafío e improvisación na mostra mundial de regueifas do Festigal 2016
Esta actividade faise en colaboración coa Asociación ORAL da Galiza
Os regueifeiros Josinho da Teixeira e Bieito Lobariñas están a prepararse para o Festigal 2016. O desafío será a partir das 17:00 horas do 25 de xullo no espazo do café-concerto nunha mostra mundial de regueifas. A retranca está garantida.
A regueifa é a manifestación máis estendida no noso país da arte popular da improvisación oral en verso, da que se atopan referencias dende as antigas culturas grega e romana, pasando polas cantigas de escarnio e maldizer da Idade Media e por manifestacións actuais como o hip-hop.
As claves da regueifa son a súa rapidez e espontaneidade, xa que carece de interludios musicais e de pausas entre os versos. Ademais fai falta enxeño para que o público se entusiasme coa capacidade de saír airosos dos envites máis agudos e de forma improvisada, como se os artistas fosen prestidixitadores da lingua.
Esta actividade faise en colaboración coa Asociación ORAL da Galiza, dentro da programación do Festigal que contará cun cento de actividades relacionadas co nacionalismo e vinculadas á cultura, lecer, política, deporte, música, asociacionismo e artesanía. A cita será o 24 e 24 de xullo no campus sur de Santiago de Compostela.