Noite de troula con Guadi Galego, Nao, Raiba e Os Amigos dos Músicos no Festigal 2017
Máis de 200 persoas voluntarias para organizar a celebración do Día da Patria
Guadi Galego, Nao, Raiba, Os Amigos dos Músicos, Son da Rúa e Bigote Mix actuarán o 24 de xullo en Santiago de Compostela. A oferta do Festigal, organizado pola Fundación Galiza Sempre, Galiza Nova e persoas voluntarias do nacionalismo galego, compleméntase cun cento de actividades para gozar da cultura galega no campus sur de Santiago de Compostela e celebrar o Día da Patria.
A xornada do 24 comeza cunha sesión de DJ con Bigote Mix; logo vai Son da Rúa, composto por Álex Arnoso e Hugo Guezeta, que foron os gañadores do concurso “Novos Valores”; Os Amigos dos Músicos, con folk-rock inspirado na canción protesta; Guadi Galego presentará o seu último traballo “O mundo está parado”; actuará Nao como banda de referencia do rock galego e Raiba que traerá o seu último disco “Marxinación” de rock-metal con letras reivindicativas.
Bigote Mix é o nome detrás do que se agacha cando pincha o compostelán Marcelino B. Ritmos de Cumbia, Electro, Funk Brasileiro, Kuduro, Pop, Tribal Guarachero, Corridos, Nu-Rave e Rumba amenizarán o comezo da festa.
O grupo de rap SonDaRúa resultou gañador da III edición do concurso de Novos Valores do Festigal. A súa proposta coa canción “En galego non mola”, que trata dun xeito retranqueiro a situación actual da lingua galega, foi escollida como vencedora deste certame polo xuri designado. Este grupo de rap está formado por Alex Arnoso e Hugo Guezeta. Traerán ao Festigal unha proposta de rap combativo en cuxas letras pode atoparse denuncia social da situación colonial da Galiza e das problemáticas que sofre a mocidade galega e a súa precariedade.
Os Amigos dos Músicos recollen no seu primeiro disco un conxunto de cancións nas que xuntan o propio co alleo para lle daren forma a un discurso fragmentado. A banda, que sempre buscou referentes na canción popular galega, presenta un amplo rexistro musical a través da sutileza dos cambios de dinámica e a mestura das distintas voces.
Guadi Galego destaca pola súa capacidade para a composición e a súa versatilidade á hora de interpretar. En 1997 entra en Berrogüetto, onde estivo 10 anos como cantante e gaiteira, con esta banda conseguiu un gran recoñecemento internacional e gravou tres discos. No ano 2005 gravou Espido, con Guillerme Fernández, no 2006 edita “Nordestin@s” xunto con Abe Rábade e Ugia Pedreira. No 2009 sae “Benzón”, o seu primeiro proxecto en solitario, aclamado pola crítica co que cosnegue premios ao mellor disco do ano e nominación aos premios da Música. No ano 2012 sae “aCadaCanto” proxecto intimista onde traballa unha vez máis con Guillerme Fernández e esta vez acompañada de Xabier Díaz na voz e de Xosé Lois Romero no acordeón.
Nao leva editados seis álbums de estudo ademais dun EP musical en formato de descarga dixital. As letras das súas cancións caracterízanse polo compromiso político e a crítica social. En 2007 publicaron o seu primeiro álbum, “As palabras espidas”. No 2010, lanzaron o seu segundo álbum, “Coas túas mans”, que foi autoeditado. A finais de 2012 comezaron un proxecto de crowfounding para publicar o seu terceiro traballo, “Cancións de amor e liberdade”, que viu a luz o 26 de febreiro de 2013. No 2014, o grupo fíxose co galardón da categoría Metal na segunda edición dos Premios Martín Códax da Música.
Formados no 2009, Raiba é unha das bandas ao vivo máis enérxicas e potentes do rock e o metal galego. A temática combativa, e por veces intimista, tórnase hoxe máis revolucionaria ca nunca co lanzamento neste 2017 do seu cuarto álbum, “Marxinación”, un disco conceptual inspirado no marxismo. Toda unha declaración de principios na que, cun xogo de palabras, denuncian a situación marxinal de Galiza con respecto aos centros de decisión e de poder. A banda está integrada por Xavi C (voz), F. Bernardini (batería), Fran J. Castro (guitarra) e B. Jarrus (baixo) e nunca permiten que o público quede quedo nos seus concertos.