O espectáculo “TIC TAC, 10 anos soando o reloxo”, obradoiros, ludoteca e pintacaras serán as diversións infantís do Festigal 2019

Espazo infantil

Organízanse numerosas actividades de xogo para nenos e nenas celebraren o Día da Patria en Santiago de Compostela

O espazo infantil do Festigal 2019 contará co espectáculo “TIC TAC, 10 anos soando o reloxo”, de Pablo Díaz e a Banda Escola de Música de Visantoña; a ludoteca “Eira Xandobeleira”; un pintacaras a cargo de Elba Casal e un obradoiro de xoguetes tradicionais en colaboración coa Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Con estas actividades en galego, nenos e nenas poderán xogar, aprender e divertirse na xornada do Día da Patria pola tarde, ao tempo que se facilita a conciliación para nais e pais asistiren aos actos programados no campus sur de Santiago de Compostela.

A partir das 16:30 horas do 25 de xullo comezará o obradoiro de xoguetes tradicionais, a cargo dos artesáns Pepe e Manolo, en colaboración coa Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Desde as 17:00 e durante toda a tarde haberá un pintacaras infantil, con Elba Casal, como unha das actividades de animación e de creatividade.

De 17:30 a 19:00 horas estará aberta a ludoteca itinerante para xogar en familia “Eira Xandobeleira”. Componse dunha colección de xogos para todas as idades, elaborados artesanalmente e inspirados en xogos tradicionais de épocas e lugares diversos. Xogos de precisión, de lanzamento, de habilidade, de enxeño e de cooperación. Algúns son os de toda a vida e outros reinventados a partir de materiais de refugallo. Trátase de xogos simples e artesanais sen necesidade de pilas, plásticos ou mesmo luces de neon.

Estas actividades rematan ás 19:00 horas, para dar paso ao espectáculo “TIC TAC, 10 anos soando o reloxo”, de Pablo Díaz e a Banda Escola de Música de Visantoña, inserido no programa Alicerce da Rede Cultural da Deputación da Coruña. O recoñecido músico Pablo Díaz chega ao Festigal acompañado pola Banda Escola de Música de Visantoña (Santiso) para presentar o primeiro espectáculo de música infantil en galego musicado con banda de música. Deste xeito, celebrarase o décimo aniversario de TIC TAC, un disco emblemático da música infantil galega.

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: