O Festigal 2015 abre o prazo de inscrición para o voluntariado
A comisión organizadora pon a disposición a zona de acampada, identificacións e outras facilidades ao inscribirse na web festi.gal/voluntariado
O Festigal 2015 inicia a campaña de inscrición de voluntariado que, nun compromiso decidido, pon parte do seu tempo da fin de semana ao servizo do que constitúe unha das maiores manifestacións culturais do noso país neste evento con máis de 100 actividades programadas que se celebra o 24 e 25 de xullo no campus sur de Santiago de Compostela.
“O Festigal é xa un evento de referencia na axenda do nacionalismo galego e de todas as persoas que aman a música e que teñen interese pola nosa cultura”, explícase nunha carta enviada pola comisión organizadora a centos de mozos e mozas para animalos a participar, “porque o pobo participa así na creación da Galiza que quere, cun Festigal que promociona artistas que tocan en galego, con maxia, obradoiros infantís, deportes tradicionais, galería de ideas, presentacións de libros, artesanía, asociacións…”
A dinámica do voluntariado no Festigal “enriquece a convivencia e a participación grazas ao valor social e as sinerxías que se crean ao traballar en equipo de xeito solidario, con rebeldía e con alegría, coa satisfacción de axudar a construír unha Galiza con entidade de seu”, expón a carta. Por iso poñen a disposición do voluntariado a zona de acampada, identificacións e outras facilidades que ofrecen cando se inscriben.
Deste xeito, a comisión organizadora convida a visitar a web festi.gal/voluntariado para ver as áreas de colaboración e as quendas do Festigal 2015, para que o voluntariado indique as súas preferencias e comece a compartir “esta edición que camiña co horizonte de abrir un novo tempo para Galiza”.