Paco Nogueiras, Don Gelati e obradoiros de música e monicreques para xogar aprendendo no Festigal 2018

Espazo infantil

O Festigal 2018 contará o Día da Patria Galega pola tarde cun espazo infantil no campus sur de Santiago de Compostela coas actuacións de Paco Nogueiras, co espectáculo Radio Bule Bule; Dani García, coa maxia de Don Gelati; e obradoiros infantís en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos e Viravolta Títeres.

Dani García abrirá a sesión infantil ás 16:30 horas co espectáculo de maxia de Don Gelati. Un brillante día de sol chega á praza da vila un vendedor de xeados co seu carriño e con gañas de sacarlles un sorriso ás persoas que alí viven. Don Gelati sufrirá todo tipo de imprevistos e infortunios co seu carriño que terá que arranxar con enxeño e algo de maxia antes de que os seus xeados se derretan. Esta é unha comedia máxica onde a expresión corporal substitúe as palabras e a comunicación co público é constante e dinámica.

Seguirá ás 17:15 horas co obradoiro de enredos sonoros, con Oli Xiráldez en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos e ás 18:15 horas co obradoiro de monicreques en colaboración con Viravolta Títeres.

Radio Bule Bule, de Paco Nogueiras, chegará 19:10 horas ao escenario cunha combinación de cancións nun espectáculo baseado no libro-cd-dvd “Radio Bulebule” de Kalandraka Editora. Nesta radio itinerante, ambulante e cantante transmítese na linguaxe universal da música para o mundo todo. Deste xeito, Paco Nogueiras convida a vivir a radio en directo nun divertidísimo programa cheo de humor, baile e cancións.

 

Consulta o programa completo do Espazo Infantil do Festigal 2018.

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: