Bratzantifa son as gañadoras do concurso Novos Valores 2022

O xuri valorou as letras populares, comprometidas, con críticas á situacion sociolaboral pero sen deixar de lado o humor e a ironía, chegando ao poético desde o cotián

O xurado do VI Concurso Novos Valores 2022 elixiu como banda gañadora o dúo Bratzantifa, conformado por Marina González e Lucía Amado, que serán as encargadas de abrir a edición do Festigal 2022 na noite do 24 de xullo.

En total, foron 14 os traballos que se presentaron a esta edición, máis dunha ducia de bandas de todo o país e de todos os estilos que fan música en galego, o que dá mostra da efervescencia e da proliferación de artistas que buscan impulso para a súa proxección en Galiza.

Braztantifa nace no confinamento de 2020, ao crear música na cociña das súas casas e entre conversas coas amizades. Fan música urbanas e bedroom pop, estilo que mesturan con letras punk, conservando a súa vulnerabilidade. Elas mesmas defínense como unhas hooligans do brandiño e da tenrura radical. Nestes dous anos de traxectoria deron dous concertos en Santiago de Compostela, un na Sala Casablanca e outro na Tenda Kamaleón Vintage.

O xuri valorou as letras populares, comprometidas, con críticas á situacion sociolaboral pero sen deixar de lado o humor e a ironía, chegando ao poético desde o cotián. Ademais, consideraron que se trata dunha proposta que segue a liña das tendencias musicais actuais.

O xurado estivo integrado pola rexente da sala de concertos Malatesta, Catuxa Irago, o músico Marcos Paino, o integrante de De Ninghures Manuel Fernández, a voz de Arrythmia Alberto Busto, a actriz Neves Rodríguez e o músico Anxo de Xermar. Completaron a composición do xurado Alberte García e Marta Gómez, por Galiza Nova, e Lucía Veciño, en representación da Fundación Galiza Sempre.

Este concurso pretende continuar a ser unha plataforma de coñecemento e difusión de artistas emerxentes que fan música en galego. O escenario do Festigal estará aberto un ano máis a todos os estilos musicais que apostan pola nosa lingua sen complexos, agardando que esta edición en que se fan 20 anos do evento sexa un grande acontecemento social.

Tamén che pode interesar...