Festigal trae numerosos escritores e escritoras para presentaren as novidades literarias en galego
Convértese nunha feira cultural onde se pode conversar coas propias escritoras e escritores sobre as súas obras
A Galería das Letras do Festigal 2019 chega a esta edición con 10 novidades editoriais, propostas de lecturas e encontros con autores e autoras para dar a coñecer, debater e asinar libros na tarde do 25 de xullo no campus sur de Santiago de Compostela.
Ás 17:00 h. será a presentación do libro “As Casas”, de Carlos Lixó, editado por Espiral Maior e que recibiu o XXX Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Pallaré. Participan Carlos Lixó, o autor, e Marta Dacosta, escritora.
“Manuel María. Obra teatral”, editado pola Casa Museo Manuel María, presentarase ás 17:30 h. Participan María do Pilar García Negro, responsábel da edición, e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.
A presentación do libro “Infamia”, de Ledicia Costas e editado por Xerais, será ás 18:00 h. Estarán Ledicia Costas, a autora, e Suso de Toro, escritor.
Ás 18:30 h. será a quenda de “Resistencia e expansión cultural. Crónica do movemento cultural galego na ditadura (1961-1976)”, da Revista Terra e Tempo. Participan María do Pilar García Negro, Pilar Allegue e Nemesio Barxa.
“Senlleiras”, de Antía Yáñez e editado por Galaxia, preséntase ás 19:00 h. coa propia autora e Miriam Beizana, escritora.
Sobre as 19:30 h. estarán Daniel Asorey e Susana Sánchez Aríns para presentaren “ Transmatria”, de Xerais.
Suso de Toro e Ledicia Costas presentarán ás 20:00 h. “Fóra de si”, de Suso de Toro editado por Xerais.
Tamén haberá un espazo de encontro con autores e autoras a partir das 16:30 horas con Carlos Callón, Ana Pillado e Manuel Monge.
Deste xeito, o Festigal 2019 convértese nunha feira do libro onde se poden coñecer diversos títulos publicados en galego no último ano, ademais de conversar coas propias escritoras e escritores sobre as súas obras.